“Tempos Modernos” non deixa de ser unha noite de comedia que Duarte Galbán protagoniza co compañeiro e amigo David Perdomo, xunto ao cal se prepara para recorrer os mellores escenarios do país co único fin de facer rir.
Que as cousas están cambiando a unha velocidade de vértigo nos últimos tempos, é algo que sabemos tod@s. Pero, que o fagan deste xeito… A quen se lle ocorre que un rapaz de “vinte e pico” se poida chegar a sentir vello? Pero é que el cando comezou a ligar, as redes sociais non eran o que son agora… As redes servían para ir ao mar, e sociais era unha asignatura do colexio… Que está pasando?
“Tempos Modernos” non deixa de ser un reflexo, gamberro, de cara a onde está a evolucionar a sociedade, de como o fai e de todo o que se vai deixando atrás conforme avanza… Sen piedade!
Un evento de comedia gamberra, distinta e fresca que busca facer rir sen límites, co único obxectivo de abrir as mentes do espectador e… deixarse levar! Unha noite de monólogos que disfrutará por igual un rapaz de dezaoito coma o seu avó de setenta.
Que importante é o sorriso!